Xove mantén o Desfile de Entroido cun plan alternativo fronte ao mal tempo

O Concello de Xove mantén a súa aposta por celebrar o tradicional Desfile de Entroido polas rúas da vila, malia a previsión de posibles inclemencias meteorolóxicas. Ante este escenario, a Concellería de Cultura traballa nun plan alternativo que permita desenvolver o evento con normalidade e seguridade, sen necesidade de modificar a data prevista no calendario.
Desde o departamento municipal explican que esta decisión responde á vontade de evitar coincidencias con outros desfiles de Entroido da contorna, favorecendo así a participación da veciñanza e das persoas inscritas, ao tempo que se respecta a organización doutros concellos da comarca.
O punto de encontro manterase no espazo habitual de saída, situado na nave almacén municipal ao carón do campo de fútbol de adestramento e do IES Illa de Sarón. Alí poderán realizarse inscricións de última hora e recollerse dorsais pendentes entre as 15:00 e as 16:30 horas.
Unha vez reunidos todos os participantes, a organización avaliará no momento a situación meteorolóxica. Se as condicións non permiten realizar o percorrido exterior, activarase o Plan B, que consistirá no traslado dos inscritos á carpa instalada na praza do Centro Cívico. Nese espazo haberá sinalización visible e carteis informativos para que cada participante poida colocarse correctamente segundo a súa categoría.
O desfile desenvolverase entón no interior do pavillón municipal, onde os participantes serán chamados por megafonía e percorrerán un corredor habilitado, accedendo polo portón situado na praza, atravesando o recinto en diagonal e saíndo polo acceso orientado cara ao Centro de Saúde.
Desde o Concello de Xove agradecen a colaboración e comprensión de participantes e público, animando a vivir o Entroido con alegría pero tamén con responsabilidade. A Concellería de Cultura destaca especialmente a implicación de persoas individuais, parellas, grupos e carrozas para facer posible este Plan B e “poñerlle boa cara ao mal tempo”, preservando un Entroido de carácter familiar que, comezando con modestia, logrou consolidarse como unha cita destacada na Mariña.
Do mesmo xeito, o Concello solicita á veciñanza e ao público asistente que sigan as indicacións da organización e do persoal municipal, mantendo as distancias e priorizando en todo momento a convivencia, o bo humor e a seguridade.