Xove inicia unha nova campaña de prevención da vespa velutina

O Concello de Xove puxo en marcha un ano máis a súa campaña anual de trampeo para previr a expansión da vespa velutina en todo o termo municipal. A empresa SERPA é a encargada de executar tanto o trampeo como a monitorización e detección do avispón oriental ao longo dos 89 quilómetros cadrados que abarca o municipio, garantindo unha cobertura eficaz en todas as zonas.
Segundo informan desde o Concello, estes tratamentos preventivos veñen realizándose de maneira continuada desde hai máis de seis anos, coa finalidade de controlar a proliferación desta especie invasora e minimizar o seu impacto sobre a economía local. A vespa velutina continúa a ser unha das principais ameazas para o sector apícola, xa que ataca directamente ás abellas nos colmeares, reducindo a produción e afectando de forma directa os ingresos dos apicultores da zona.
Ademais, a empresa SERPA alerta da posible chegada a Galicia de novas especies invasoras, xa detectadas no sur do país, que poderían avanzar cara ao norte. Por este motivo, Xove desenvolverá un programa experimental de monitorización específico para detectar de forma temperá estas novas especies, centrado no seguimento de avispas Orientalis e Bicolor, reforzando así o traballo habitual contra a vespa asiática.
Desde o Concello de Xove reitérase o compromiso coa protección do medio natural e co apoio ao sector apícola, considerado fundamental tanto para a economía local como para a conservación da biodiversidade, e insístese na importancia de manter estas medidas preventivas para garantir un control efectivo das especies invasoras.