Xove inicia o proceso para darlle unha nova vida ás antigas vivendas de mestres

O Concello de Xove deu os primeiros pasos para transformar sete antigas vivendas de mestres en novos espazos con utilidade social. Trátase dun conxunto de pisos situados na rúa Agramonte, que na súa orixe foron construídos para albergar o profesorado da zona, e que agora serán desafectados como bens de dominio público para pasar a formar parte do patrimonio municipal.
A decisión foi aprobada de maneira inicial no pleno celebrado o pasado 16 de xuño, segundo informou o goberno local. O acordo implica o cambio de cualificación xurídica dos inmobles, que deixarán de ser considerados de uso público e pasarán a ser bens patrimoniais, abríndose así a posibilidade de darlle un novo destino.
As vivendas afectadas repártense en dous edificios: no número 17 da rúa Agramonte atópanse tres pisos distribuídos en diferentes plantas, mentres que no número 19 existen outras tres vivendas –unha na segunda planta e dúas máis na cuarta–, ás que se suma unha sétima que tamén entra neste proceso.
O expediente permanecerá en exposición pública durante un mes, período no que poderá ser consultado nas dependencias do Concello por todas aquelas persoas interesadas. Trátase dun trámite necesario antes de que poida formalizarse de maneira definitiva a desafectación e poida comezarse a planificar o futuro destes espazos.
O alcalde xovense, Demetrio Salgueiro, adiantou que será necesario realizar obras de reforma e adecuación, pero sinalou que a intención do executivo local é clara: “A nosa vontade é darlle un novo uso social a estas vivendas, aproveitando un patrimonio municipal que hoxe está infrautilizado”.
Esta non sería a primeira vez que Xove aposta por este tipo de iniciativas. Segundo lembran fontes municipais, no ano 2012 xa se destinara un grupo de oito pisos do mesmo edificio a alugueiro con renda social, como medida para favorecer o acceso á vivenda de sectores con menos recursos.
Desde o goberno municipal insisten en que esta medida encaixa dentro dunha estratexia máis ampla de recuperación de inmobles públicos que, pola súa localización e características, poden converterse nun recurso útil ao servizo da cidadanía.