Xove incorpora un novo coche ao Servizo de Vixilancia para mellorar a eficiencia e a resposta no rural

AMariñaXa
O Concello renova o vehículo municipal tras superar os 400.000 km o anterior e acada máis autonomía, seguridade e sustentabilidade
Xove-novo-vehiculo-policia-local-2025
18 Nov 2025

O Concello de Xove vén de reforzar o Servizo de Vixilancia coa adquisición dun novo Dacia Duster, que xa forma parte do parque automobilístico municipal tras ser entregado esta semana pola empresa Aplicaciones Tecnológicas Juma SL. A compra, explican desde o goberno local, responde á necesidade de renovar un vehículo que superaba os 400.000 quilómetros e sufría frecuentes avarías, o que dificultaba o seu uso diario nas rutas rurais e urbanas do municipio.

O investimento total ascende a 39.909 euros, dos cales 29.947 foron achegados pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental. O resto foi financiado con fondos municipais.

O novo Duster incorpora motor de gasolina, transmisión manual e a robustez necesaria para afrontar os desprazamentos diarios polas diferentes parroquias. Ademais, trátase dun modelo híbrido con etiqueta ambiental ECO, pensado para reducir emisións e mellorar o consumo, unha característica que o Concello valora especialmente dado o uso intensivo deste servizo ao longo do ano.

Desde a Administración local subliñan que este reforzo permitirá optimizar a cobertura no territorio, acurtar tempos de intervención e incrementar a seguridade tanto para o persoal municipal como para a veciñanza. “É unha aposta por un servizo máis fiable, eficiente e sostible, adaptado ás necesidades dun concello con numerosas parroquias e longas distancias internas”, destacan.

O vehículo xa está operativo e comezará de inmediato a realizar as súas funcións habituais de vixilancia e control en todo o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.071686029434204