Xove impulsa o seu parque empresarial con novos proxectos industriais

AMariñaXa
Lorenzana e Salgueiro analizan medidas para reforzar o tecido industrial e atraer investimento ao municipio
concello-xove-casa-consistorial
25 Mar 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, na que abordaron distintas liñas de actuación para impulsar o desenvolvemento industrial do municipio. Entre os asuntos tratados destacou o avance do proxecto de ampliación do parque empresarial de Camba, considerado clave para a dinamización económica da zona.

Na xuntanza tamén participaron o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao. Durante o encontro, Lorenzana explicou que a tramitación do polígono segue o calendario previsto tras a súa aprobación inicial o pasado mes de xullo.

A conselleira lembrou que Xove conta co distintivo de Concello Emprendedor, unha ferramenta que facilita a implantación de novas empresas mediante a simplificación administrativa, o acceso a solo industrial e a aplicación de incentivos fiscais.

Ademais, destacou que o municipio recibiu nos últimos anos diferentes apoios da Xunta en ámbitos como a eficiencia enerxética ou o desenvolvemento de enerxías renovables, reforzando así o seu potencial para atraer investimentos e xerar actividade económica.

0.10798001289368