Xove impulsa o servizo de madrugadores “Xovesperta” para o novo curso escolar

AMariñaXa
O programa busca favorecer a conciliación e ofrecer un espazo seguro e educativo para os máis pequenos antes das clases
servizo-madrugadores-nenos-recurso
22 Sep 2025

O Concello de Xove vén de poñer en marcha o servizo de madrugadores “Xovesperta”, unha iniciativa que arrinca neste curso 2025-2026 co obxectivo de apoiar ás familias na conciliación da vida laboral e persoal.

A proposta está dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos matriculados no CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, que poderán ser atendidos desde as 7.30 horas e ata o inicio da actividade lectiva. Entre as 7.30 e as 8.15 horas, os proxenitores poderán proporcionar o almorzo aos seus fillos, establecéndose como hora límite de entrada as 8.45.

Segundo explicou o Concello, parte do custe do programa será asumido con fondos municipais, co fin de aliviar a carga económica das familias. Ademais, o servizo contará con persoal especializado, que se encargará de ofrecer un ambiente seguro, educativo e tamén lúdico, permitindo que os rapaces comecen o día nun espazo de convivencia adaptado ás súas necesidades.

Con esta medida, Xove reafirma a súa aposta por apoiar á veciñanza con iniciativas que faciliten o día a día, poñendo no centro ás familias e ofrecendo novas alternativas que combinan educación, benestar e conciliación.

⚙ Configurar cookies
0.066642999649048