Xove impulsa a posta en valor das ruínas de San Tirso cunha intervención arqueolóxica

AMariñaXa
Nun acordo de colaboración, a Xunta de Galicia apoia con 25.000 euros os traballos arqueolóxicos
cultura-xove
13 Jul 2025

O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, visitou o Concello de Xove para coñecer de primeira man o enclave histórico de San Tirso en Portocelo, onde proximamente se acometerán traballos de escavación e conservación arqueolóxica.

Durante o percorrido estivo acompañado polo alcalde, Demetrio Salgueiro, así como pola concelleira de Cultura, Dolores Meitín; a concelleira de Turismo, Cecilia Duarte; e o edil Manuel Ángel Meitín. A intervención será posible grazas a un convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Xove, cunha achega económica de 25.000 euros por parte da administración autonómica.

O lugar no que se vai actuar comprende o castro de Mechiluide e a antiga igrexa de San Tirso, un conxunto de grande valor histórico e patrimonial. Sobre o terreo, o conselleiro explicou que con esta actuación “pretendemos favorecer a súa posta en valor e tamén o coñecemento deste sitio arqueolóxico para avanzar na súa investigación e caracterización”.

Esta iniciativa enmárcase nas políticas da Consellería para protexer e difundir o patrimonio cultural galego, promovendo o seu estudo e conservación como elementos clave para o desenvolvemento local e o coñecemento histórico.

⚙ Configurar cookies
0.17141914367676