Xove impulsa a creación dun club de lectura na Biblioteca Municipal

AMariñaXa
A iniciativa busca fomentar o hábito lector e crear un espazo de encontro para compartir impresións arredor dos libros
centro-civico-Xove-google
23 Mar 2026

O Concello de Xove, a través do seu Departamento de Cultura, vén de poñer en marcha unha nova proposta dirixida ás persoas afeccionadas á lectura coa creación dun club de lectura na Biblioteca Municipal. A iniciativa nace coa intención de ofrecer un punto de encontro no que os amantes dos libros poidan compartir experiencias e reflexións arredor das obras lidas.

Este novo espazo concíbese como unha actividade periódica na que os participantes poderán comentar unha mesma lectura nun ambiente aberto, participativo e respectuoso. O obxectivo é promover o gusto pola literatura, favorecer o intercambio de opinións e fortalecer a convivencia a través da cultura.

Para dar comezo ao proxecto, a biblioteca organiza unha primeira xuntanza informativa que servirá como toma de contacto entre as persoas interesadas. O encontro celebrarase o venres 27 de marzo ás 19:00 horas nas propias instalacións da biblioteca municipal.

Durante esta sesión inicial, explicaranse as bases de funcionamento do club e recolleranse propostas dos asistentes co fin de adaptar a actividade ás súas preferencias. A intención é construír un espazo dinámico e atractivo, no que todas as persoas participantes se sintan implicadas.

Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas usuarias da biblioteca a sumarse a esta iniciativa cultural, que pretende consolidarse como un punto de referencia para o encontro arredor da lectura e o intercambio de ideas.

0.13109803199768