Xove estrea un novo itinerario natural que une o centro do municipio co parque multideportivo e a Ruta dos Muíños

O Concello de Xove vén de inaugurar un novo percorrido pensado para impulsar o sendeirismo e reforzar a relación da cidadanía co medio natural. Trátase dun itinerario que enlaza directamente o centro urbano co parque multideportivo de Pump Track —situado na entrada da vila dende Cervo— e que, ademais, ofrece continuidade cara á coñecida Ruta dos Muíños, ampliando así as posibilidades de lecer e actividade física para veciños e visitantes.
Segundo explica o goberno local, esta intervención supuxo un investimento municipal de 48.346 euros, ao que se engadiu unha achega de 38.677 euros da Consellería de Medio Ambiente a través do programa Galicia Refuxio Climático, enfocado á recuperación de espazos naturais e á adaptación ambiental.
Os traballos, executados pola empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa SL, centraronse na recuperación integral dun antigo camiño primitivo empregado no pasado polos habitantes da Rigueira para desprazarse ao núcleo de Xove. Co paso dos anos, aquel carreiro angosto foi quedando relegado ao uso puntual dos propietarios das fincas próximas, ata acabar practicamente esquecido.
Coa completa adecuación realizada, o Concello devolve agora vida a este sendeiro, que se converte nun novo recurso paisaxístico e deportivo. A veciñanza poderá transitar por un itinerario seguro e rodeado dun entorno natural de grande atractivo, con posibilidade de enlazar o centro urbano co parque multideportivo e continuar ata a Ruta dos Muíños, un dos percorridos máis populares do municipio.