Xove entrega os premios do tradicional Concurso de Postais de Nadal

AMariñaXa
O alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán e do IES Illa de Sarón protagoniza un encontro cheo de creatividade
XOve-concurso-postais-nadal-2026-ganadores
16 Jan 2026

O Concello de Xove celebrou recentemente a entrega de premios do xa tradicional Concurso de Postais de Nadal, unha iniciativa cultural promovida pola Biblioteca Municipal que se organiza cada ano coa finalidade de fomentar a creatividade e a participación do alumnado durante as festas do Nadal. O acto tivo lugar no CEIP Pedro Caselles Rollán e converteuse nun encontro emotivo no que se reuniron os nenos e nenas premiados deste centro educativo e do IES Illa de Sarón.

A cerimonia contou coa presenza do alcalde, Demetrio Salgueiro, e da concelleira de Cultura, Mª Dolores Meitín, que foron os encargados de facer entrega dos galardóns ás persoas gañadoras nas distintas categorías, recoñecendo así o esforzo, a imaxinación e o traballo artístico do alumnado participante.

Na categoría de Educación Infantil resultaron premiadas Lara Díaz, Vera Insua e Elsa Baño. En 1º e 2º de Educación Primaria, os premios recaeron en Xoel Sánchez, María García e Clara Casariego. No caso de 3º e 4º de Primaria, o xurado distinguiu os traballos de Jimena Paleo, Anaïs Romero e Alejandro Loyola. En 5º e 6º de Primaria, os galardóns foron para Jesús López, David Burgos e Paula Fernández. Finalmente, na categoría de ESO, as persoas premiadas foron Óscar Bertolo, Paula Pérez e Andrés Alcalde.

Desde o Concello de Xove quixeron agradecer a elevada participación rexistrada nesta edición e felicitar a todo o alumnado premiado. Do mesmo xeito, puxeron en valor o labor do xurado, integrado por membros de distintas asociacións inscritas no Concello, que colaboran de maneira totalmente desinteresada e afrontan cada ano a complexa tarefa de avaliar as numerosas postais presentadas.

A Biblioteca Municipal de Xove agradeceu tamén a implicación de toda a comunidade educativa e anunciou que xa se atopa a traballar na seguinte convocatoria cultural, o Concurso de Caretas de Entroido, co que se continuará promovendo a creatividade entre a infancia e a mocidade do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.050328969955444