Xove convida a reflexionar sobre saúde mental cunha charla-coloquio aberta á veciñanza

O Concello de Xove impulsa unha nova iniciativa centrada na concienciación sobre o benestar emocional coa celebración dunha charla-coloquio aberta ao público este venres, 23 de maio, ás 19:00 horas no Salón de Actos municipal. A actividade está organizada polo Departamento de Servizos Sociais en colaboración coa Asociación Saúde Mental A Mariña.
Durante o encontro intervirán as profesionais María José Novoa e Sonia Nogueiras, que achegarán a súa visión sobre a importancia de coidar a saúde mental en todos os ámbitos da vida. A proposta busca ofrecer un espazo de diálogo, reflexión e aprendizaxe compartida entre a cidadanía e as persoas especialistas.
Desde o Concello definen a xornada como “un espazo aberto para reflexionar, compartir e aprender sobre a importancia da saúde mental”, e animan á veciñanza a participar activamente nun tema que consideran fundamental para o desenvolvemento individual e colectivo.
A entrada será libre ata completar aforo, polo que se agarda unha boa acollida por parte da comunidade.