Xove contará un ano máis co Curso de Música de Semana Santa
O Concello de Xove acolleu a presentación do XXXI Curso de Música de Semana Santa que terá lugar nesta ocasión entre os días 9 e 13 de abril, ambos os dous días incluídos.
A presentación estivo a cargo do alcalde Demetrio Salgueiro, a concelleira de cultura Dolores Meitín e o director do Curso Xan Carballal.
O curso vaise desenvolver no salón de actos do Centro Cívico de Xove. Tanto para o curso coma para os concertos hai aforo limitado. Este ano haberá dous concertos, o martes 12, ás 18.00 horas un concerto de cámara e ao día seguinte á mesma hora, o concerto de clausura.
O curso de Música de Semana Santa comeza a súa andaina aló polo ano 1990, coa idea de poñer en contacto aos estudantes co mundo profesional dentro da música. Para levar a cabo este proxecto era preciso contar coa colaboración de profesores cunha ampla traxectoria no mundo das orquestras profesionais.
Este curso foi pioneiro pola súa concepción, xa que os cursos que se viñan ofertando consistían en clases individuais de técnica instrumental e clases colectivas para traballar repertorio, esixindo case sempre que o alumno escollera o repertorio a traballar da especialidade instrumental correspondente. O curso que se oferta é innovador xa que a base do seu plantexamento consiste na aprendizaxe por medio do traballo dentro da orquestra, e ofrece a posibilidade de que alumnos de diferentes niveis poidan participar, xa que se establecen diferentes formacións orquestrais ou de cámara segundo os coñecementos dos participantes, facendo especial fincapé no traballo por grupos e a coordinación.
Esta formación estará ao cargo dos profesores Nazaret Canosa; Nara Carballal, Benjamín Iglesias e Saúl Canosa, e está dirixido por Xan Carballal.