Xove contará no 2021 con preto de 8 millóns de presuposto

TerraChaXa | AMariñaXa
Xove contará no 2021 con preto de 8 millóns de presuposto, contas que se reducen en 1,5 millóns pola retirada dun ingreso de alta tensión
12 Xan 2021

O Concello de Xove contará o próximo ano cun orzamento de 7.935.000 euros, contas que se reducen en 1,5 millóns, debido a que non cuantifican os ingresos que lle corresponderían polo paso das liñas de alta tensión que levan enerxía á planta de Aluminio, de 1,3 millóns.

Como explica o alcalde, Demetrio Salgueiro, "seguimos incluíndo a contía que abona a multinacional en concepto de IAE, xa que a continuidade de fábrica non está ameazada no 2021".

De novo Xove é un dos primeiros concellos da comarca en ter listo o orzamento do 2021. Segundo explica o rexedor, estes case que oito millóns de euros permitirán seguir financiando a entidades e clubs, ademais de apoiar a parte social, con subvencións de axuda ao estudo e ao emprego local, "que é tan fundamental nestes momentos" e ao que se destinan 541.000 euros.

O orzamento mantén as contías en gastos de persoal e correntes mantéñense e tamén o apartado de investimentos debido á relaxación das medidas fiscais, polo que se inclúe unha partida de 257.000 euros para investimentos reais, que permitirá acometer diversas obras. Salgueiro conta con poder facer a mellora da rede viaria municipal, incluíndo accesos e pequenas obras de urbanización en diversas parroquias, ademais de reforzar a rede de abastecemento de augas, co fin de eliminar a turbidez que causan as choivas torrenciais.

Entre os outros proxectos de investimento do Concello para o próximo exercicio está o cambio de ascensor para a mellora da accesibilidade no consistorio e o sistema de calefacción neste mesmo edificio. Con estas medidas producirase un aforro enerxético e de mellora ambiental á que se sumará a renovación da iluminación exterior en todo o termo municipal, coa colocación de luces led nas parroquias que faltan, tamén previstas este ano. Este último terá unha axuda do Idae de fondos europeos de 224.000 euros, para un orzmento total de 262.000.

O orzamento aprobouse cos votos a favor dos sete concelleiros do PP, xa que os catro edís do BNG abstivéronse.

0.15060520172119