Xove contará con dúas novas zonas de xogos
Trala demanda veciñal e o aumento de población infantil en Xove, o Concello vai crear dúas novas zonas de xogos; unha na parroquia de Portocelo, concretamente no centro social de Vilachá, e nas inmediacións do centro social do Cruceiro, na parroquia de Xuances.
Na primeira iniciaranse en breve os traballos de acondicionamento dunha pequena zona diante do centro social, adaptando o espacio para deixar libre a boleira onde se desenvolve o campeonato municipal de bolos.
No segundo crearase tamén unha pequena zona de xogos na contorna do centro social do Cruceiro.
A maiores tamén operarios municipais teñen previsto traballos de mantemento dos xogos xa ubicados nos centros sociais de Sumoas e da Vara.
Dende o Concello aproveitan a ocasión para pedir aos usuarios do parque situado frente ás instalacións do centro cívico a "un uso racional e coherente tanto dos aparellos infantís do parque como do mobiliario existente despois dos numerosos estragos ocasionados durante a época estival".