Xove conmemora o Mes da Muller cun amplo programa de actividades

O Concello de Xove organiza ao longo do mes de marzo unha serie de actividades enmarcadas na celebración do Día Internacional da Muller. O programa, impulsado pola Concellería de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade, busca sensibilizar á poboación sobre a igualdade de xénero e fomentar a participación cidadá en eventos con perspectiva feminista.
Os actos comezarán o 8 de marzo cunha andaina pola muller, que sairá do Centro Cívico ás 17:00 horas. A continuación, celebrarase unha chocolatada no Salón de Actos, organizada pola Asociación de Mulleres Bolboretas.
O día 14 terá lugar un faladoiro sobre nutrición nas distintas etapas da muller, impartido pola nutricionista Saray Río. Seguiralle, o 20 de marzo, un contacontos teatralizado en igualdade para nenos e nenas a partir de tres anos.
O 21 de marzo ofrecerase unha charla titulada “Coñece o teu ciclo menstrual”, a cargo da matrona María González, fundadora do centro M. O día 29 será a quenda da sesión de ioga ao aire libre, impartida pola profesora Olalla Martínez no Parque Municipal.
O programa pecharase o 31 de marzo cunha obra de microteatro sobre experiencias de igualdade, representada polo alumnado do IES Illa de Sarón, con entrada libre no Salón de Actos.