Xove conmemora o 8M cun programa de actividades centrado na corresponsabilidade

AMariñaXa
Andaina, chocolatada e faladoiros ao longo de marzo e abril reivindican a igualdade e o papel activo das mulleres
Xove-8M-2026
1 Mar 2026

O Concello de Xove dedicará as próximas semanas á celebración do 8M cun calendario de iniciativas que combinan convivencia, reflexión e formación arredor da igualdade. Baixo o lema “Marzo é o mes da muller en Xove”, a programación esténdese ao longo de marzo e comezos de abril con propostas abertas á veciñanza.

A primeira cita terá lugar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha andaina que partirá ás 17.00 horas desde o Centro Cívico. A actividade require inscrición previa nos Servizos Sociais municipais. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, celebrarase unha chocolatada conmemorativa no salón de actos, un encontro que servirá tamén para render homenaxe ás primeiras mulleres emprendedoras do municipio.

O programa continuará o 11 de marzo cun faladoiro titulado “Reivindicamos a corresponsabilidade: comunicación consciente e corresponsable”, que se desenvolverá ás 19.00 horas na aula de formación. A sesión poderá seguirse tamén en liña, tanto en directo como en diferido, facilitando así a participación.

O 25 de marzo haberá unha nova charla centrada na organización, os estudos e a responsabilidade compartida, tamén ás 19.00 horas e no mesmo espazo. A programación pecharase o 8 de abril cun terceiro encontro formativo sobre corresponsabilidade na educación e no uso das tecnoloxías.

Desde a Concellería de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade destacan que estas actividades buscan fomentar unha maior implicación social na igualdade real entre mulleres e homes, promovendo valores de corresponsabilidade no ámbito familiar, educativo e comunitario.

0.12075877189636