Xove celebra o XIII Concurso de Karaoke cunha noite de música, creatividade e diversión no Nadal

O Concello de Xove volverá encher de ritmo e entusiasmo o Nadal coa XIII edición do seu tradicional Concurso de Karaoke, que terá lugar o vindeiro 26 de decembro no pavillón municipal a partir das 21.30 horas. A proposta, xa consolidada no calendario cultural do municipio, busca reunir tanto a participantes veteranos como a novas voces que queiran demostrar talento e bo humor sobre o escenario.
O certame estará dividido en tres categorías: Peques (menores de 12 anos), Júnior (de 12 a 18 anos) e Veteranos (maiores de 18). En cada grupo repartiránse premios tanto á mellor voz como á mellor caracterización, con contías que oscilan entre os 60 e os 150 euros segundo a idade. A organización aposta así por premiar non só a calidade vocal, senón tamén a posta en escena e a creatividade artística.
As persoas interesadas poden inscribirse de maneira gratuíta ata o 26 de decembro no Departamento de Cultura, por teléfono ou no propio pavillón en horario de tarde. Ademais, o venres 26 celebrarase unha xornada de ensaios no pavillón, entre as 17.00 e as 19.00 horas, para que os concursantes poidan ultimar os detalles das súas interpretacións.
Desde a Concellería de Cultura destacan que este concurso “é unha das actividades máis agardadas do Nadal en Xove, un espazo no que familias e amizades se reúnen para compartir música, diversión e moita imaxinación”.