Xove celebra o seu Concerto de Nadal cunha homenaxe ás orixes da Escola Municipal de Música

AMariñaXa
O recital recupera pezas do disco Xente Cativa e reúne alumnado actual e memoria musical de 1988
CONCERTO-NO-PEDRO-CASELLES XOVE 2023
18 Dec 2025

A Concellaría de Cultura do Concello de Xove vén de anunciar a celebración do tradicional Concerto de Nadal, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural do municipio. O evento terá lugar o sábado 20 de decembro, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove, e promete converterse nun encontro cargado de música, emoción e lembranzas.

Nesta edición, o concerto da Escola Municipal de Música e da Orquestra Clásica de Xove contará cunha proposta especialmente simbólica. O programa inclúe a interpretación de seis temas pertencentes ao disco Xente Cativa, un traballo gravado pola propia escola nos seus primeiros anos de vida, alá polo ano 1988. Trátase dunha iniciativa que busca poñer en valor a historia musical da entidade e conectar distintas xeracións arredor da música.

Naquel momento, as pezas non contaban con partituras escritas, polo que para este concerto empregarase como base a gravación orixinal en audio, recuperando así a esencia e o espírito dun proxecto pioneiro. A música fora composta por Nacho Fonseca, profesor asturiano, e o disco orixinal estaba interpretado en bable, constituíndo unha valiosa mostra de recuperación da memoria musical e cultural da Escola Municipal de Música de Xove.

Para esta ocasión, a música foi adaptada e escrita por Xan Carballal e será interpretada polo alumnado actual da Escola Municipal de Música. Sobre o escenario reuniranse máis de trinta alumnos e alumnas, xunto con membros da Orquestra Clásica de Xove, para ofrecer ao público un programa pensado para todos os públicos, no que a nostalxia das primeiras gravacións se mestura co entusiasmo e a ilusión das novas xeracións.

Desde o Concello destacan que este concerto está concibido para gozar en familia e manter vivo o espírito do Nadal, ao tempo que serve como adianto do intenso traballo que se está a desenvolver de cara ao ano 2026. Nesa data conmemoraranse dous fitos importantes: o 40 aniversario da creación da Escola Municipal de Música de Xove e o 35 aniversario da celebración do curso de Semana Santa.

Así mesmo, o Concello de Xove fai un chamamento especial a todos aqueles rapaces e rapazas que se iniciaron na música clásica na escola arredor do ano 1988, cando os ensaios tiñan lugar no CEIP Pedro Caselles Rollán e que hoxe se atopan espallados por distintos puntos de Galicia. A intención é que poidan achegarse a este Concerto de Nadal e participar dun reencontro que lles permita revivir un proxecto ilusionante que eles mesmos puxeron en marcha a finais dos anos oitenta.

Desde a Concellaría de Cultura subliñan que este acto pretende dinamizar a vida cultural do municipio e crear un espazo de encontro para veciñanza e visitantes, poñendo en valor o talento local, apoiando a formación musical da mocidade e fomentando a participación cidadá nos actos culturais do concello.

⚙ Configurar cookies
0.080203056335449