Xove celebra o Día das Letras cunha nova edición da Festa das Flores

O vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o municipio de Xove encherase de cor e tradición coa celebración da popular Festa das Flores - Fillas de María, organizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Festexos Montevelle.
A festa arrincará ás 10:30 h cun mercado tradicional e demostración de oficios antigos. Ás 11:30 h, os sons da charanga NBA e da agrupación cultural Saíñas porán ritmo ao pasacalles. Xa ao mediodía, ás 13:00 h, terá lugar un dos actos centrais da xornada: a misa coa tradicional ofrenda floral á Virxe.
A música continuará durante o vermú cunha actuación do grupo Fénix ás 14:15 h. Durante todo o día, haberá obradoiros infantís sobre temática floral e, a partir das 17:00 h, inchables para os máis pequenos.
A programación da tarde inclúe un obradoiro de cerámica (de 17:00 a 18:30 h), e a actuación do mago Karirrolo (de 18:00 a 19:00 h). Tamén se poderá gozar do folclore local co grupo Xoaniñas, da parroquia de Saíñas.
O día rematará por todo o alto cunha gran verbena a partir das 22:00 h, a cargo do grupo Fénix e a discoteca móbil Conxuro. Non faltará a tradicional queimada popular para pór o colofón a unha festa pensada para todas as idades.
Os asistentes tamén poderán desfrutar da gastronomía local en varios establecementos colaboradores, como Bar Pepe, A Fuga, A Cívica, O Refuxio, Bar Cociña, Antoxo, Bar A Cancela e Cabaliño.