Xove celebra a XII Festa do Percebe cunha homenaxe ao mar e á cultura mariñeira

AMariñaXa
O evento terá lugar o sábado 19 de xullo e contará co pregón de Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías
Festa-percebe-Xove-2023
3 Jul 2025

Xove volverá ser este verán epicentro do sabor a mar coa celebración da décimo segunda edición da Festa do Percebe, un evento gastronómico e festivo que se consolida como unha das citas máis destacadas da tempada estival na Mariña. A xornada celebrarase o sábado 19 de xullo e contará con música, animación e unha sentida homenaxe ao oficio do mar.

O pregón correrá a cargo de Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, que será o encargado de dar o pistoletazo de saída á festa ás 12:00 horas. Otero, veciño da comarca e profundo coñecedor do sector, achegará a súa visión sobre a importancia dos recursos mariños e o papel vital que desempeñan os profesionais do mar.

A animación estará asegurada grazas ás actuacións dos grupos Os Charangos de Neda e Espera que vou abaixo, que poñerán a nota musical ao longo da xornada, contribuíndo a crear un ambiente festivo e familiar.

A Festa do Percebe está organizada pola asociación de festexos A Medorra en colaboración co Concello de Xove, e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea. Dende a organización destacan o labor do voluntariado local e o traballo conxunto das entidades que fan posible esta cita ano tras ano.

Como é habitual, o percebe será o gran protagonista gastronómico, ofrecéndose ao público en diferentes formatos e acompañado doutros produtos do mar. Trátase dunha oportunidade única para saborear un dos mariscos máis prezados da costa galega nunha contorna privilexiada.

⚙ Configurar cookies
0.16581296920776