Xove celebra a VII Gala do Emprendemento Local cun formato de cabaré para homenaxear o talento empresarial

O Concello de Xove acollerá este venres 12 de decembro a VII Gala do Emprendemento Local, unha iniciativa organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local que busca recoñecer o talento, o esforzo e a creatividade do empresariado do municipio. O acto celebrarase no Salón de Actos municipal, a partir das 20:30 horas, e recuperará o seu carácter festivo cun formato inspirado no cabaré, “porque así é a vida e así é emprender: saír ao escenario sen rede, con ilusión, maquillaxe e algunha ferida polo camiño”, segundo explicou a organización.
A gala incluirá a exposición de dous proxectos emprendedores referentes polo seu compromiso co territorio e pola traxectoria das súas impulsoras e impulsores. Por unha banda, Casa Labradela, conducido por José Ángel e Shaila García González, relatará como hai catro anos decidiron continuar e transformar o legado da súa familia, diversificando a explotación tradicional coa introdución da cría de porco celta e a profesionalización da apicultura. Contarán tamén o reto de atender unha parcela de nove hectáreas, o orgullo de manter vivo un proxecto familiar e as dificultades de transmitir ás novas xeracións o valor de medrar nun rural sostible.
Pola outra banda, Estética Marta, impulsado por Marta Louzao Gato, repasará unha traxectoria que comezou en 1988, cando, con só 18 anos, decidiu apostar polo autoemprego no seu propio pobo. Ao longo destas décadas, o pequeno centro de estética converteuse nun negocio punteiro, xerador de tres postos de traballo e baseado nunha filosofía centrada no trato próximo, a formación continua, o servizo de calidade e a confianza.
A organización subliña que esta gala pretende poñer en valor o emprendemento local, especialmente o feminino, así como promover valores como o desenvolvemento sostible, o compromiso, o comercio de proximidade, a creatividade, o apoio mutuo e o uso da lingua galega. O obxectivo é que estas experiencias sirvan de inspiración a todas aquelas persoas que están a valorar converter unha idea nunha empresa.
O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local lembrará durante o acto que ofrece asesoramento e acompañamento continuo, xa que “non chega con ter unha boa idea, é necesario analizala, definila e transformala nun Plan de Empresa viable”.
A gala será presentada polo alcalde, José Demetrio Salgueiro Rapa, e contará cun mestre de cerimonias moi especial: o músico, cantante e showman Dani Ríos, que aportará humor e música ao cabaré no que se transformará o Salón de Actos. A noite completarase coa actuación da soprano Monserrat Expósito Cao, acompañada ao piano por Martín Buchi Zimerman, e cun número de danza creado especificamente para a ocasión por Elsa Palacios Gómez.
A entrada é libre e gratuíta, aberta a todos os públicos ata completar aforo. As portas abriranse ás 20:15 horas.