Xove busca voluntariado para dar vida ao Desfile dos Reis Magos

AMariñaXa
O Concello fai un chamamento á veciñanza para participar na cabalgata do 5 de xaneiro e manter a ilusión do Nadal nas rúas do municipio
reis-magos
24 Dec 2025

O Concello de Xove, a través do seu Departamento de Cultura, lanza un chamamento á cidadanía para colaborar no tradicional Desfile dos Reis Magos, unha das citas máis agardadas do Nadal no municipio. A cabalgata celebrarase o vindeiro 5 de xaneiro, a partir das sete da tarde, cun percorrido polas rúas de Xove e co propósito de conservar viva a maxia destas datas tan sinaladas.

Desde o departamento municipal solicítase a participación de persoas voluntarias que conten con vestimenta propia relacionada co Nadal ou co mundo infantil. Entre os perfís demandados atópanse pastores e pastoras, paxes reais, elfos, personaxes de Disney ou outras figuras infantís, que formarán parte das carrozas preparadas para acompañar aos Reis Magos durante o desfile.

As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa deberán formalizar a súa inscrición cubrindo un impreso de voluntariado na Oficina de Información Xuvenil. Por razóns organizativas, o prazo para anotarse permanecerá aberto ata o vindeiro 26 de decembro.

Desde o Concello de Xove anímase á veciñanza a implicarse nesta actividade colectiva, coa finalidade de facer do Nadal un tempo de ilusión compartida, especialmente para os máis pequenos. Ao mesmo tempo, a administración local quere agradecer de xeito especial a colaboración altruísta de veciños, veciñas e voluntarios que, ano tras ano, contribúen de maneira decisiva a que as celebracións do Nadal se desenvolvan con éxito e entusiasmo.

⚙ Configurar cookies
0.078022956848145