Xove aproba definitivamente a nova taxa do lixo con cotas diferenciadas segundo o uso dos inmobles

AMariñaXa
A ordenanza adapta o servizo á normativa estatal e fixa importes distintos para vivendas, hostalaría, comercio e actividades industriais
contedores-taxa-recollida-de-lixo-guitiirz
29 Dec 2025

O Concello de Xove vén de aprobar de maneira definitiva a Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa polo Servizo de Recollida, Transporte e Tratamento de Residuos Urbanos, despois de que non se presentasen reclamacións durante o período de exposición pública. O acordo provisional adoptado no pleno do 5 de novembro de 2025 queda así elevado a definitivo.

A nova ordenanza, que se publica integramente para o seu coñecemento xeral, responde ás esixencias da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga ás entidades locais a implantar taxas específicas que reflictan o custo real da xestión dos residuos e fomenten unha utilización máis responsable dos recursos.

O texto establece un sistema de tarificación diferenciado entre vivendas e establecementos, tendo en conta o tipo de actividade e a superficie dos locais. No caso das vivendas, a taxa anual varía segundo a frecuencia do servizo: as que dispoñen de recollida diaria asumirán unha cota de 88,06 euros ao ano, mentres que aquelas con recollida non diaria pagarán 60,60 euros.

Para o sector da hostalaría, as cotas tamén se adaptan ao tamaño dos locais. As cafeterías e bares sen servizo de comidas pagarán 187,99 euros anuais se teñen ata 100 metros cadrados, cifra que ascende a 305,85 euros nos establecementos de maior superficie. No caso dos restaurantes, a taxa sitúase en 236,05 euros para locais de ata 150 metros cadrados e en 450,76 euros para os de maior tamaño.

A ordenanza fixa igualmente importes específicos para outros sectores. Os servizos de hospedaxe abonarán entre 170,53 euros (ata cinco habitacións) e 477,99 euros (máis de 20 habitacións). As tendas de alimentación e supermercados pagarán desde 154,46 euros para locais de ata 60 metros cadrados, incrementándose a 291,50 euros nos de maior superficie.

Tamén se recollen tarifas para oficinas, centros educativos, instalacións deportivas, residencias, aparcadoiros, gasolineiras, fábricas e talleres, con cotas que se axustan á dimensión e actividade de cada inmoble. No caso das fábricas e talleres, por exemplo, as taxas oscilan entre 193,56 euros para locais pequenos e 2.195,81 euros para instalacións de máis de 1.500 metros cadrados.

A taxa devéngase o 1 de xaneiro de cada ano, coincidindo o período impositivo co ano natural, e o seu cobro realizarase por trimestres naturais. Nos casos de alta ou baixa no servizo, a cota calcularase de maneira proporcional.

Desde o Concello destacan que esta ordenanza permite cumprir coa lexislación vixente e avanzar cara a unha xestión máis sostible, xusta e transparente dos residuos urbanos, vinculando o custo do servizo ao seu uso real.

⚙ Configurar cookies
0.07695198059082