Xove aposta por unha nova campaña arqueolóxica en San Tirso de Portocelo

O Concello de Xove vén de adxudicar unha nova intervención arqueolóxica no xacemento de San Tirso de Portocelo, situado a carón da costa, cun orzamento de 24.805 euros. A única proposta presentada foi a de Vanesa Trevin Pita, que finalmente resultou a adxudicataria.
O proxecto, que terá un prazo de execución de 35 días, contempla varios obxectivos principais: a ampliación das áreas xa escavadas, a recollida de datos de antropoloxía forense para obter máis información sobre o cemiterio, actuacións de conservación e restauración para facilitar a musealización in situ, e un plan de difusión dirixido a toda a sociedade.
Está previsto ampliar a sondaxe realizada no ano 2020, cando se localizaron muros pertencentes a estruturas cadradas con esquinas redondeadas. Agora preténdese abrir catro sondaxes de 4x4 metros ao redor da cuadrícula existente para deixar ao descuberto, polo menos, unha destas construcións e seguir documentando os espazos interiores selados.
A anterior campaña arqueolóxica, executada en 2020 tras a adquisición municipal da parcela principal do asentamento, permitiu obter datos de gran valor histórico e turístico. Descubriuse entón a existencia dun cemiterio posiblemente ligado ao antigo mosteiro dúplice e identificáronse dúas estruturas rectangulares con chans de arxila que poderían corresponder á época tardorromana. Aquela intervención xa puxo de manifesto o potencial do lugar como atractivo patrimonial e cultural, integrado dentro dunha ruta de sendeirismo que pasa a poucos metros do enclave.
Con esta nova campaña, o Concello de Xove busca dar continuidade ao labor de investigación, consolidación e divulgación dun xacemento que, polo seu valor patrimonial, aspira a converterse nun dos grandes referentes históricos e turísticos da Mariña lucense.