Xove aposta polo turismo itinerante coa inauguración de dúas áreas de autocaravanas

AMariñaXa
O municipio habilitou novos espazos para fomentar o turismo sobre rodas en Esteiro e preto do núcleo urbano
Xove-Inauguracion-area-autocaravanas-2025
17 Mar 2025

Xove vén de reforzar a súa aposta polo turismo itinerante coa inauguración de dúas áreas de autocaravanas, unha situada preto do núcleo urbano, ao carón do parque multideportivo na entrada da localidade, e outra ao lado da praia de Esteiro. Este novo servizo busca ofrecer mellores condicións aos visitantes que se desprazan en autocaravana, favorecendo así o turismo sustentable e a dinamización económica do municipio.

O acto de inauguración contou coa presenza da directiva da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), representada pola súa presidenta, María del Mar García Pena, e a secretaria, María del Carmen Prado Maroño. Xunto a elas, participaron na cita membros da corporación municipal, entre eles o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, a tenente de alcalde, Dolores Meitín, a concelleira de turismo, Cecilia Duarte, e a concelleira de deportes, Cristina Iglesias.

A inauguración congregou a máis de 130 vehículos e arredor de 300 persoas, evidenciando o interese que espertan estas infraestruturas entre os afeccionados ao turismo sobre rodas. A área de Esteiro dispón de 40 prazas, aínda que, segundo indicou o alcalde, calquera outra zona que cumpra os requisitos de tamaño pode ser utilizada para estacionar. Pola súa banda, a área de Xove conta con 18 prazas, con opción de aparcar tamén no viario de entrada próximo á zona habilitada.

Con esta iniciativa, Xove busca consolidarse como un destino atractivo para o turismo itinerante, proporcionando comodidades e infraestruturas adecuadas para os viaxeiros que optan por esta modalidade de lecer.

⚙ Configurar cookies
0.18019986152649