Xove aposta pola eficiencia enerxética cunha nova caldeira de biomasa no Centro Cívico

O equipo de goberno municipal de Xove vén de poñer en marcha unha importante actuación para mellorar a eficiencia enerxética do Centro Cívico. O proxecto céntrase na substitución da antiga caldeira de astilla por unha nova instalación máis potente e moderna, de 800 kW, xunto coa ampliación do silo de almacenamento, o que permitirá un uso máis racional e sostible dos recursos.
As obras, adxudicadas por 342.817,20 euros, incluíron a renovación integral da sala de máquinas para adaptarse ao Regulamento de Instalacións Térmicas (RITE 2019). O equipamento dispón dun axitador rotatorio en silo, tornillo sinfín, ciclón, filtro electrostático, novo vaso de expansión, cadro eléctrico reformado, ampliación de cheminea e sistema de xestión integral tipo ESCADA. A maiores, incorpora un control remoto que posibilita a supervisión telemática do funcionamento da caldeira desde calquera dispositivo, facilitando a detección rápida de posibles incidencias.
Do orzamento total, a Xunta de Galicia, a través do INEGA, asumiu 261.605,40 euros, mentres que Rede Eléctrica achegou 46.502 euros mediante un convenio co Concello. Deste xeito, a contribución municipal reduciuse a uns 34.700 euros. Ademais do menor gasto económico, a ampliación do silo permitirá aforrar custos ao precisar menos frecuencia de subministración de biomasa.
Desde o Concello destacan que esta obra supón unha aposta clara por un sistema de calefacción de alto rendemento, máis sostible e respectuoso co medio ambiente. A nova caldeira, que substitúe ao gasóleo, utilizará biomasa, un combustible local de menor procesado, neutro en emisións de CO₂ e que contribúe á xeración de emprego na contorna.
“Con esta actuación avanzamos en eficiencia, reducimos a dependencia dos combustibles fósiles e garantimos un aforro económico e ambiental para Xove”, sinalan desde o goberno local, que valora o impacto positivo desta infraestrutura tanto no funcionamento do Centro Cívico como nas contas municipais.