Xove acollerá unha nova charla-coloquio para fomentar a sensibilización en saúde mental

O Concello de Xove, a través dos Servizos Sociais, organiza a segunda charla-coloquio sobre mentalización e sensibilización en saúde mental, que terá lugar o venres 7 de novembro ás 20:00 horas no Salón de Actos municipal. A actividade conta coa colaboración da Asociación Saúde Mental A Mariña, que repite participación despois da boa acollida da primeira sesión celebrada en maio.
O encontro contará coa intervención de María José Novoa, directora técnica xeral e xerente da Asociación Saúde Mental A Mariña, e de Sonia Nogueiras, psicóloga clínica. Ambas profesionais compartirán a súa experiencia e coñecementos para axudar a comprender mellor os trastornos mentais, romper tabús e fomentar unha visión máis empática e aberta cara á saúde emocional.
Desde a organización sinalan que esta segunda cita “pretende dar continuidade a un espazo de diálogo que tivo unha resposta moi positiva entre a veciñanza de Xove”, e destacan que “a sensibilización é o primeiro paso para avanzar cara a unha sociedade máis comprensiva e respectuosa coas persoas que padecen problemas de saúde mental”.
O Concello de Xove aposta así por promover actividades de carácter formativo e social que contribúan ao benestar da cidadanía e ao fortalecemento da saúde comunitaria. O evento é de entrada libre ata completar aforo e está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en coñecer mellor as realidades e os desafíos que rodean a saúde mental na actualidade.