Xove acollerá a décimo quinta edición do Festival Infantil de Saiñas

AMariñaXa
O evento reunirá este sábado grupos locais e convidados nunha xornada dedicada á música e ao baile tradicional galego
CARTEL-EXPOSICION-40-ANIVERSARIO-DE-SAIÑAS
Saíñas
25 Mar 2026

O Concello de Xove prepara unha nova cita coa cultura popular coa celebración da décimo quinta edición do Festival Infantil organizado pola Asociación Cultural Saiñas. O evento terá lugar este sábado 28 de marzo ás 18:00 horas no salón de actos do Centro Cívico, consolidándose como unha das actividades máis destacadas do calendario cultural local.

Nesta edición, o festival contará coa participación dos grupos infantís da propia asociación, Saiñas, Xoaniña e Candís, que compartirán escenario con formacións convidadas procedentes doutros puntos de Galicia. En concreto, asistirán a Asociación Folclórica e Cultural Orballo de Pontedeume e a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez de Lourenzá, que achegarán unha mostra representativa do folclore tradicional galego.

A cita está pensada como unha tarde de convivencia arredor da música e o baile, nun ambiente aberto e familiar, no que tanto veciñanza como visitantes poderán desfrutar das actuacións e da riqueza cultural transmitida polas novas xeracións.

Desde a organización animan á participación do público e destacan o valor deste tipo de iniciativas para manter vivas as tradicións e fomentar o interese pola cultura galega entre a infancia. Pola súa banda, o Concello subliña a importancia de apoiar este tipo de eventos que contribúen á dinamización cultural do municipio.

Na presentación do cartel estiveron presentes o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, Mª Dolores Meitín, acompañando aos representantes da asociación organizadora, Jairo Míguez e Pepe Casariego, presidente e secretario respectivamente, quen destacaron o traballo realizado para sacar adiante unha nova edición deste encontro.

0.12362194061279