Xove acolle unha mostra fotográfica sobre a emigración

AMariñaXa
25 Xan 2021

A sala de exposicións do Centro Cívico de Xove acolle estes días a exposición itinerante, en colaboración con Afundación Obra Social Abanca, Nós tamén fomos emigrantes. Trátase dunha valiosa selección fotográfica da Axencia EFE que nos leva a esa realidade histórica da emigración, galega e española, a través dunha síntese de corenta imaxes sacadas coa mirada profesional e humana dos fotoperiodistas da época.

Esta exposición forma parte do proxecto Corrente Cultural, unha iniciativa coa que promovemos desde Afundación, a Obra Social de Abanca, e Abanca un circuíto expositivo por diferentes pobos da xeografía galega, e en colaboración cos concellos ou outras entidades locais.

A EXPOSICIÓN

Nós tamén fomos emigrantes recolle unha antoloxía de imaxes dos arquivos da Axencia EFE que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. Son retratos próximos que narran as circunstancias vitais da xeración das nosas nais e pais e tamén de avós e avoas, que abandonaron a súa terra en procura dun futuro mellor.

"A esencia dun fotógrafo é estar no lugar onde se produce a noticia. Un dos grandes da fotografía xornalística, Robert Capa, que foi correspondente de guerra en moitas frontes e acabou morrendo ao pisar unha mina en Indochina, dicía que cando a foto non é boa é porque o fotógrafo non estaba o suficientemente preto. A exposición preséntanos, en branco e negro, unha síntese das nosas emigracións plasmada por fotoperiodistas de EFE. É a historia de miles de persoas que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir. Son os anos cincuenta, sesenta, décadas de fame, de subdesarrollo, de falta de liberdade, pero tamén de construción, de aforrar a peseta para un soñado retorno", di
Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE de 1996 a 2004.

A mostra pode visitarse polas tardes de 18.00 a 20.00 horas.

0.16793990135193