Xove acolle este sábado o cuarto sorteo da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”

Foz
AMariñaXa
A FCAM repartirá 500 euros en vales e contará coa presenza de recoñecidos xornalistas que visitarán Viveiro e Xove durante a fin de semana
FCAM-de-compras-pola-marina
21 Nov 2025

Xove prepárase para vivir este sábado, 22 de novembro, unha nova cita coa campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”, impulsada pola Federación de Comerciantes da Mariña (FCAM). Nesta cuarta quenda sortearanse 500 euros en vales de compra entre a clientela que mercou durante a semana nos establecementos participantes.

A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica que “todas as persoas que realizasen compras entre o 17 e o 22 de novembro nos negocios asociados ao CCH de Viveiro e nos comercios de Xove poderán participar. Só teñen que achegarse ao Centro Cívico de Xove entre as sete e as oito da tarde para conseguir as súas papeletas: por cada tícket recibirán un boleto para o sorteo, que celebraremos a partir das 20:00 horas”. Haberá tres premios: 250, 150 e 100 euros en vales de compra.

Cruzado lembra que “o obxectivo desta iniciativa segue a ser o de promover as compras no pequeno comercio, e facémolo traendo á Mariña profesionais destacados do xornalismo, da escritura, do deporte ou do cine. Queremos que a súa presenza sexa un reclamo e por iso pasan a fin de semana con nós”.

Esta edición contará coa visita de catro xornalistas de recoñecido prestixio: Jose Ribagorda, editor e presentador de longas traxectorias en Telecinco e TVE e impulsor do proxecto gastronómico “De las cosas del comer”; Pepa Xastre, subdirectora de Las Tardes de RNE e con ampla experiencia en SER, Onda Cero e TVE; Sergio Martín, actualmente en Directo al Grano de TVE e Las Tardes de RNE, e antigo director da Canle 24 Horas e dos espazos La Noche en 24 Horas e Los Desayunos de TVE; e Darío Martínez, director do programa Luarca na Onda en Onda Cero desde hai 26 anos.

Segundo adianta a presidenta da federación, “este sábado visitaremos con eles o comercio local de Viveiro, así como diferentes espazos turísticos do concello. Pola noite estaremos en Xove para o sorteo. Ademais, poderán degustar a excelente gastronomía da zona”.

Desde a FCAM fan un chamamento “a toda a clientela dos negocios de Viveiro e de Xove para que se acheguen ao Centro Cívico de Xove e participen neste cuarto sorteo da campaña, organizada pola federación e financiada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.069733142852783