Xove acolle a representación da comedia 'Vivan os Noivos' de Adala Teatro
Este sábado 21 de outubro, o salón de actos do Centro Cívico de Xove acolle unha nova proposta de teatro. O grupo Adala Teatro de Fazouro poñerá en escena a comedia 'Vivan os Noivos'.
A actuación, que comezará ás 19.00 horas, pertence ao circuíto de Teatro Afeccionado 2023 da Deputación de Lugo e conta coa colaboración do Concello. Trátase dunha representación con entrada libre para todos os públicos dirixida por Luisa Oroza e María Antonia García.
A peza presenta a Olegario e Olvido, un matrimonio que está a facerse cargo do coidado dos seus respectivos pais xa maiores ata, tras numerosas discusións, os levan a unha residencia. Ante a falta de atención dos fillos e a sospeita de que estes soamente pensan na herdanza, Lisarda e Casimiro únense, converténdose no apoio o un do outro. Finalmente, como o roce fai o cariño, deciden marchar da residencia para gozar xuntos dos seus aforros e vivir plenamente o seu amor.