Xove acolle a asemblea anual da AGA cunha gran afluencia de autocaravanas e actividades para todos os públicos

GaliciaXa | AMariñaXa
Unha gran cita para os autocaravanistas con rutas, obradoiros e a inauguración dunha nova área para autocaravanas
area-autocaravanas-xove
11 Mar 2025

Esta fin de semana, do venres 14 ao domingo 16 de marzo, Xove será o centro de encontro para os socios da AGA (Asociación Galega de Autocaravanas), que chegarán á localidade cunha previsión de entre 150 e 180 vehículos, ademais de arredor de 250 persoas. A maior parte da afluencia espérase para o venres, cando os autocaravanistas comezarán a estacionar nas zonas habilitadas, como o aparcadoiro no parque novo Pumtrack, a recta de Xove, a zona fronte ao colexio Pedro Caselles Rollán, o Campo de fútbol, a Nave Almacén do Concello, o aparcadoiro do Centro de Saúde e o Cuartel da Garda Civil. Un plano detallado das zonas de estacionamento está dispoñible para os participantes.

O sábado 15, os visitantes poderán desfrutar de distintas actividades, como a Ruta con audioguías da Zona Etnográfica da Baleeira en Morás, a Ruta das Fadas ou a Ruta dos Muiños na Rigueira. Para os máis pequenos, tamén se organizará un obradoiro na Panadería Maral. A xornada rematará cun xantar no pavillón polideportivo e un baile de disfraces amenizado pola solista Sandra Renglifo de La Voz Sentimental.

Dende as 16:00h ata as 20:00h, na Praza do Concello, o Mercado de Artesanía Local de O Faio de Generosa acollerá postos de comerciantes como Vacaloura e Xurela, Glarual Ecoshop, Lebre de abril, Mel do Sierra, Cura da Alma e Esteiro Surfing.

O domingo 16, terá lugar a inauguración da nova área de autocaravanas no centro de Xove, así como da praia de Esteiro, cun acto institucional no que participarán o Alcalde Demetrio Salgueiro e a Concelleira de Turismo Cecilia Duarte.

Finalmente, ese mesmo día, celebrarase a Asemblea Xeral da AGA no Salón de Actos do Concello de Xove, onde se darán cita os socios para tratar temas relacionados coa asociación e o futuro das autocaravanas en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.60682392120361