Xove acolle a 35ª edición do Curso de Formación Orquestral de Semana Santa con novidades no seu programa

AMariñaXa
O proxecto “Xente Miúda” convértese no eixo central dunha cita que culminará con concertos gratuítos o 31 de marzo e o 1 de abril
Xove-FORMACIÓN-ORQUESTRAL-DE-SEMANA-SANTA-2026
30 Mar 2026

A Asociación Prestoxove, co apoio e patrocinio do Concello de Xove, puxo en marcha unha nova edición do Curso de Formación Orquestral de Semana Santa, que neste 2026 alcanza a súa trixésimo quinta convocatoria, consolidándose como unha das iniciativas formativas máis destacadas no ámbito musical da contorna.

O alumnado participante xa se atopa inmerso nun intenso programa de traballo nas instalacións do antigo colexio de Palmeiro, onde se desenvolven as distintas actividades previstas. Ao longo destes días, os estudantes perfeccionan as súas habilidades musicais baixo a orientación dun equipo docente especializado, integrado por Carmen Varela na sección de violíns, Nara Carballal nas seccións de violas e violonchelos, Daniel Roca á fronte do vento e Barúk Domínguez no ámbito vocal.

A estrutura do curso mantén a liña de edicións anteriores, combinando formación técnica e práctica musical. Polas mañás, entre as 10.30 e as 14.00 horas, teñen lugar os ensaios seccionais de corda, vento, coro e orquestra. Pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas, o programa complétase con sesións de música de cámara e leccións maxistrais en diferentes especialidades, fomentando así unha aprendizaxe integral.

Como broche final, o traballo desenvolvido polo alumnado poderá verse nos concertos de clausura, previstos para o martes 31 de marzo e o mércores 1 de abril ás 18.00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove. Ambas actuacións serán de acceso libre e gratuíto, e desde a organización anímase á veciñanza e ás persoas afeccionadas á música clásica a asistir para coñecer de primeira man a evolución dos participantes.

Entre as principais novidades desta edición destaca a incorporación do proxecto “Xente Miúda” como fío condutor do programa. Trátase dunha proposta musical que reúne quince cantigas compostas por Nacho Fonseca e que foron gravadas orixinalmente en 1988 polo alumnado da Escola Municipal de Música de Xove.

Para esta ocasión, as pezas foron revisadas, adaptadas e arranxadas por Xan Carballal, quen as adecuou ás características do alumnado actual. A recuperación deste traballo supón tamén unha actualización dos textos, que na súa versión inicial estaban en asturiano e que posteriormente foron traducidos ao galego.

“Xente Miúda” non se limitará a este curso, senón que se desenvolverá ao longo do ano en diferentes formatos, coincidindo coa conmemoración do 40 aniversario da Escola Municipal de Música de Xove. Deste xeito, o curso non só reforza a formación musical, senón que tamén contribúe á posta en valor do patrimonio cultural e educativo do municipio.

0.14385914802551