Xove abre unha nova convocatoria de axudas para o baleirado de fosas sépticas en zonas sen sumidoiros

AMariñaXa
O Concello destina 5.000 euros a subvencións de ata 200 euros para facilitar a xestión das augas residuais en vivendas e negocios
Concello-de-Xove-edificio-casa-consistorial
22 Nov 2025

O Concello de Xove vén de lanzar unha nova convocatoria de axudas dirixidas ao baleirado de fosas sépticas e doutros sistemas individuais de xestión de augas residuais situados en áreas que non dispoñen de rede municipal de sumidoiros. O anuncio foi publicado no Boletín Oficial da Provincia do 18 de novembro, tras a resolución de Alcaldía que regula estas subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.

O obxectivo principal desta liña de axudas é promover unha xestión axeitada dos residuos xerados en instalacións que funcionan de maneira autónoma, garantindo así un tratamento correcto das augas residuais e evitando impactos negativos no medio natural. A convocatoria está pensada para inmobles residenciais e tamén para establecementos turísticos ou de restauración suxeitos á normativa galega vixente, sempre que conten cun destes sistemas e estean situados en zonas sen acceso á rede de sumidoiros.

Poderán solicitar as axudas as persoas físicas maiores de idade titulares dos devanditos inmobles. A contía máxima que poderá recibir cada persoa beneficiaria é de 200 euros, mentres que a partida total destinada polo Concello ascende a 5.000 euros.

O prazo para presentar solicitudes estenderase desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 10 de decembro de 2026, aínda que se admitirán vaciados efectuados xa desde o 1 de outubro deste ano, de acordo co establecido na convocatoria.

As persoas interesadas poden obter máis información no Departamento de Agricultura e Gandaría do Concello de Xove. Para tramitar a solicitude deberán cubrir o impreso oficial e achegar a documentación requirida. Os trámites poderán realizarse tanto a través da Sede Electrónica do Concello como de forma presencial no Rexistro Xeral.

⚙ Configurar cookies
0.073345899581909