Xove abre o prazo de inscrición para o programa Xove Concilia Nadal 2025-2026

AMariñaXa
O servizo ofrece actividades lúdicas e educativas para favorecer a conciliación familiar durante as vacacións
Xove-Concilia-Nadal-imaxe-nenos-pintando
2 Dec 2025

O Concello de Xove, a través do Departamento de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade, vén de abrir o período de inscricións para o programa Xove Concilia Nadal 2025-2026, unha iniciativa destinada a apoiar as familias durante as vacacións escolares. O prazo permanecerá aberto ata o 13 de decembro.

Este servizo está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos e desenvolverase do 22 de decembro ao 5 de xaneiro, ambos incluídos, en horario de 8:45 a 14:00 horas. As persoas interesadas poden formalizar a solicitude na Oficina Municipal de Información Xuvenil ou a través da Sede Electrónica do Concello.

O programa, atendido por persoal monitor profesional, ofrece actividades lúdicas e educativas que favorecen unha ocupación saudable e enriquecedora do tempo libre durante o Nadal. Proponse como un espazo seguro e dinámico no que a infancia poida desfrutar, socializar e aprender mentres as familias dispoñen dun apoio esencial para a xestión das súas obrigas.

Desde o Concello subliñan que a conciliación e a corresponsabilidade seguen a ser piares fundamentais das políticas sociais municipais. O obxectivo é avanzar cara unha sociedade na que mulleres e homes poidan compatibilizar en igualdade a vida familiar e profesional.

Neste sentido, lembran que programas como Xove Concilia buscan ofrecer respostas reais ás necesidades das familias, especialmente nos períodos de vacacións escolares, facilitando a organización dos tempos laborais e persoais dos proxenitores. O Concello destaca que este tipo de iniciativas contribúen a construír un municipio máis equitativo, inclusivo e comprometido coa igualdade.

⚙ Configurar cookies
0.089461088180542