“Xeración Peixe” impulsa en Burela un congreso infantil para promover a pesca sostible e o consumo responsable

A Fundación Expomar promove ao longo dos anos 2025 e 2026 o proxecto “Sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable. Congreso da infancia e da adolescencia”, unha iniciativa coñecida popularmente como “Xeración Peixe” que busca implicar á comunidade na defensa do medio mariño e na posta en valor do sector pesqueiro. O programa está financiado no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal.
O proxecto abrangue un amplo abano de accións nas que participan centros educativos, entidades sociais e colectivos de persoas maiores, fomentando a colaboración entre distintas xeracións. Durante o mes de marzo desenvolveranse xornadas de limpeza de praias co alumnado de primaria e secundaria de Burela, coa colaboración do centro de educación ambiental Gaia. Os residuos recollidos converteranse posteriormente nunha exposición divulgativa para sensibilizar sobre a necesidade de preservar os ecosistemas mariños.
Tamén en marzo están previstos obradoiros de arte mariñeiro en centros de inclusión social da comarca, nos que se elaborarán pezas artesanais que servirán como agasallo no congreso final. A programación inclúe ademais un taller interxeracional no que mozos e mozas do Concello compartirán espazo con persoas usuarias da residencia e do centro de día para recompilar contos, lendas, receitas e lembranzas vinculadas á tradición pesqueira e ao patrimonio inmaterial da vila.
Outra das citas destacadas será unha xornada na Escola de Hostalería de Foz, na que responsables de cociñas escolares e de centros sociosanitarios poderán degustar o “Pincho de Peixe” elaborado no marco do proxecto e avanzar na organización do “Día do Peixe”, previsto para abril.
Na segunda semana dese mes celebrarase esta xornada gastronómica, coa inclusión dun menú especial a base de pota e peixe espada nos comedores públicos de ensino, inclusión e maiores, unha acción que chegará a máis de mil persoas na comarca.
Todo o traballo realizado desde o pasado outubro culminará o 30 de abril na Casa da Cultura de Burela cun Congreso da infancia e da adolescencia no que se presentarán os resultados das actividades a través de relatorios e mostras de artesanía, cultura, literatura e gastronomía.
A presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que esta iniciativa contribúe a reforzar o valor da pesca e dos seus produtos na costa lucense, non só desde o punto de vista alimentario, senón tamén como motor de desenvolvemento social e económico.