Xebra e Mariña Patrimonio convocan unha visita guiada a Santo Estevo do Ermo

O centro social Xebra e a asociación Mariña Patrimonio organizan para o sábado 21 de febreiro unha visita guiada a Santo Estevo do Ermo, no municipio de Barreiros, un espazo de notable valor arqueolóxico, histórico e patrimonial na comarca da Mariña.
A cita será ás 11.00 horas e o punto de encontro fixouse na igrexa de San Pedro de Barreiros. O obxectivo da xornada é achegar á veciñanza e ás persoas interesadas os resultados das escavacións realizadas o pasado mes de setembro, unha intervención promovida por Mariña Patrimonio que permitiu avanzar no coñecemento deste enclave singular.
A proposta, de carácter gratuíto e dirixida a todos os públicos, retómase despois de que a convocatoria inicial, prevista para decembro, tivese que ser suspendida debido ás condicións meteorolóxicas adversas. A nova data escolleuse coa intención de garantir unha climatoloxía máis favorable para o percorrido.
Desde a organización recoméndase acudir con roupa e calzado cómodos, tendo en conta as características do terreo e o desenvolvemento da actividade ao aire libre.
Co fin de facilitar a participación, o centro social Xebra está a coordinar a través das súas redes sociais posibles desprazamentos en coche desde Burela e Viveiro, promovendo así a asistencia de persoas interesadas doutros puntos da comarca.