Xavier Queipo gaña o VI Premio de Novela Vilar Ponte
O escritor Xavier Queipo é o gañador do VI Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro, coa súa obra Tamarindo.
Unha novela que destacou por unanimidade do xurado “pola súa habilidade para transportara o lector a unha illa afastada do Caribe, onde o protagonista, afectado por amnesia parcial, loita contra ameazas escuras nunha trama envolvente e fascinante. Cun estilo esmerado, unha ambientación cosmopolita e unha excelente caracterización de personaxes, Tamarindo reafirma o talento narrativo de Queipo".
Segundo a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, "este premio é unha mostra do compromiso do noso concello coa cultura galega e co apoio ao talento literario. Tamarindo e O Terceiro Desexo son exemplos do poder creativo que caracteriza as nosas letras".
O xurado do certame estivo composto por Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador; Rosalía Morlán Vieites, escritora, e Armando Requeixo Cuba, investigador, profesor e crítico literario, actuando como secretaria con voz e sen voto M.Rosario San Isidro Franco.
Como obra finalista foi seleccionada O Terceiro Desexo, de Lionel Rexes, unha novela que combina amores convulsos, o universo dos artistas alternativos e as maquinacións de poderosos na sombra nunha trama chea de sorpresas e personaxes singulares. O xurado destacou “a sólida estrutura e a forza narrativa dun autor de gran oficio”.
O acto de entrega do premio terá lugar o venres 13 de decembro de 2024, ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Estará conducido pola xornalista Alba Porral Quintillán e contará coa actuación do Sexteto de Corda do CMUS de Viveiro.