Xacobo e Sara, das Xornadas Artísticas Etnográficas da Mariña: “Gustaríanos levar as xornadas a algún concello do interior”

AMariñaXa
Falamos co coordinador deportivo do CB Celtas de Foz, Darío Romero, un dos clubs con máis historia da Mariña e que está a conseguir éxitos
Tecedeira Fotos de Maria Simon 4
13 Aug 2023

Por Ana Somoza López.

Xacobo Ares e Sara García son directores artísticos das Xornadas Etnográficas da Mariña, que están organizadas por Tecedeira, e que eles mesmos definen cunha cita de Gustav Mahle: “A tradición non consiste en adorar as cinzas, senón en preservar e transmitir o lume”.

Cando e como nace Tecedeira, tecendo a tradición?

Tecedeira é un proxecto de investigación, compilación e divulgación das músicas de tradición oral. Nace no ano 2021 na Mariña coa presentación do proxecto en Ribadeo nun acto no que proxectamos tamén o documental Dorothé na vila, sobre a musicóloga suíza Dorothé Schubart, que nos anos 70 veu a Galicia para coñecer a nosa música tradicional e recopilou máis de 300 horas de gravacións, creando o Cancioneiro Popular Galego.

Por que ou con que motivación xorde?

Tecedeira nace como un medio de aprendizaxe persoal para Xacobo, xa que na súa asociación botaba de menos unha formación máis etnográfica. Consideramos que é unha formación esencial para calquera persoa que se achegue á música e o baile tradicional. De aí que se lanzara con este proxecto. Máis tarde uniuse Sara cando decidimos sacar adiante as Xornadas Etnográficas da Mariña.

Que obxectivos ten?

O obxectivo de Tecedeira é implicar á sociedade e ás novas xeracións na investigación e conservación do noso patrimonio cultural de tradición oral. Para nós tamén é importante tecer rede co tecido asociativo da comarca para dinamizar culturalmente as nosas vilas e aqueles concellos máis pequenos, e á vez coidar e poñer en valor a nosa música e baile tradicionais.

Quen a conforma? Onde teñen a base ou de onde son?

Actualmente conformamos Tecedeira dúas persoas, Xacobo Ares, de Ribadeo, e Sara García, de Ourol. Mais queremos abrir o proxecto a todas as persoas interesadas en participar.

Tecedeira foi constituída formalmente como asociación cultural este ano coa vontade de involucrar a máis colaboradoras para poder seguir levando a cabo proxectos como as Xornadas Etnográficas da Mariña e outras moitas actividades que queremos facer coa asociación.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

Para a organización das Xornadas Etnográficas contamos co apoio institucional do Concello de Ribadeo na primeira edición, en 2022, e do Concello de Xove para esta segunda edición que vimos de celebrar o pasado mes de xuño. Este ano tivemos tamén, por primeira vez, o apoio da vicepresidencia e área de Cultura da Deputación de Lugo. Outras entidades que colaboraron con nós para o evento foron o Lugar das Marías de Xove e Picarolas de Ribadeo.

E doutras asociacións e colectivos?

Contamos tamén coa colaboración e participación de moitas asociacións e agrupacións da Mariña e de colectivos como a Asociación de Gaiteiras Galegas a nivel galego.

Que iniciativas propoñen?

A idea é realizar actividades culturais, obradoiros formativos e encontros arredor da música e o baile tradicional, así como a publicación de libros e documentais para divulgar todos aqueles saberes e tesouros que garda o noso patrimonio de tradición oral.

Organizan as Xornadas Etnográficas da Mariña. En que consisten?

As Xornadas Etnográficas da Mariña (XEAM) nacen como un punto de encontro para poñer en valor a cultura tradicional galega a través de coloquios, exposicións, obradoiros, concertos, foliada e mostras etnográficas do tecido cultural e asociativo que traballa coa música, o baile e o traxe tradicional. Son unhas xornadas itinerantes que teñen como espírito aglutinar a convivencia de todas as agrupacións e asociacións da Mariña e que pretenden realizarse cada ano nun punto diferente da comarca.

Saben cando e onde serán no 2024?

Aínda non podemos confirmar cando e onde serán o ano que vén, pero gustaríanos poder levalas a algún concello do interior da comarca. A Mariña non está só na costa.

Fan actividades ao longo do ano?

Á marxe das XEAM, quereríamos realizar máis actividades na comarca ao longo de todo o ano. Temos varios proxectos en marcha que esperamos poder revelar pronto.

Que lle piden aos gobernos locais?

Pediriámoslles aos gobernos locais un compromiso activo coa promoción da nosa música e do noso patrimonio inmaterial, co fin de facilitar a realización de actividades relacionadas con estes ámbitos desde e para a comunidade. Oxalá as asociacións culturais do país non estivesen tan esquecidas pola administración pública en detrimento dos grandes eventos e festivais.

Que todas puidésemos contar co financiamento e recursos axeitados para levar a cabo proxectos culturais que implican de verdade á veciñanza para aprender, compartir e desfrutar xuntas da nosa cultura popular e creacións colectivas.

Que accións futuras teñen en mente poñer en marcha?

Ademais de organizar a próxima edición das XEAM, estamos traballando actualmente nunhas recollas a Francisco López, o gaiteiro de Saa, que é o único membro vivo do grupo Os Enxebres de Lugo e que nos gustaría poder levar a súa historia a un pequeno documental.

“Oxalá as asociacións culturais do país non estivesen tan esquecidas pola administración pública”

Tamén Xacobo, a título persoal, mais vinculado ao traballo de Tecedeira, está rematando a biografía do seu tío Francisco Ares, que foi fundador do grupo Os Montes de Lugo, unha das agrupacións máis importantes que houbo no país e que se acompañará dun disco-homenaxe ao grupo.

Estas iniciativas teñen boa aceptación entre os veciños?

Estamos moi contentos coa acollida das Xornadas Etnográficas por parte da comarca, tanto das asociacións e agrupacións que participaron nas dúas edicións celebradas ata o momento, como das entidades que colaboraron para facelas posibles e toda a xente que acudiu ás actividades.

Para esta última edición achegáronse visitantes e participantes de distintos puntos da xeografía galega e quedamos encantados co recibimento que está tendo o proxecto.

Tecedeira Fotos de Maria Simon 2
Tecedeira Fotos de Maria Simon 6
Tecedeira Fotos de Maria Simon 5
Tecedeira Fotos de Maria Simon 1
0.17390179634094