Xacio Baño pregonará o San Bartolo de Xove que traerá á Panorama
A localidade xovense festexará a San Bartolo e á Virxe do Carme a partir do 29 de agosto, será ese o día no que o director de cine Xacio Baño pregonará a festividade, ás oito da tarde, no salón de actos.
Ao día seguinte, o 30, a efeméride prosegue ás 20.00 horas cunha sardiñada popular, con venda de tickets a dous euros e todo ilo animado coa charanga de Neda. Á noite, La Ocaband comezará a verbena que xa de madrugada, contra a unha da noite, continuará Claxxon.
O sábado 31 de agosto, ás 13.00 horas, celebrarase a misa solemne e a procesión coa asociación cultural Saíñas e logo haberá unha sesión vermú coa orquestra Compostela, que tamén actuará na verbena xunto a Los Satélites.
Trébol e a Panorama porán a guinda o pastel festivo do 1 de setembro, á noite, despois dunha xornada que se inicia cunha misa e procesión acompañada pola Banda de Música de Foz. Os nenos serán os protagonistas do 2 de setembro, festivo local, con inchables na praza do Concello a partir das cinco da tarde.