Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre levarán a súa música a Castroverde, Samos e Barreiros

A música tradicional galega será a protagonista do ciclo “Polavilas no paraíso”, presentado este luns polo deputado Daniel García e o recoñecido músico e compositor Xabier Díaz, quen levará o seu espectáculo a tres localidades da provincia de Lugo: Samos, Castroverde e Barreiros. Un proxecto que busca difundir a música en galego máis alá dos grandes festivais, levando a cultura a espazos de menor tamaño e facilitando o acceso do público á música en directo.
Os concertos serán de balde e permitirán desfrutar do repertorio que Xabier Díaz e o grupo Adufeiras de Salitre foron construíndo ao longo da última década. Desde o seu debut discográfico en 2015 ata o recente “Axúdame a sentir” (2024), o grupo consolidouse como unha das propostas máis sólidas e singulares do panorama musical galego, cunha posta en escena que poñen no centro a pandeireta e a voz colectiva das adufeiras.
Durante o acto de presentación, que contou tamén coa presenza da deputada de Cultura Iria Castro, da alcaldesa de Samos Chus López, e da alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, destacouse o papel fundamental de Xabier Díaz como “referente do rexurdir creativo arredor da música tradicional galega”. Daniel García puxo en valor que “a súa proposta convida á sociedade a mirar cara ao noso patrimonio musical con orgullo e modernidade, algo especialmente simbólico neste 2025 no que se celebran as Letras Galegas dedicadas ás cantareiras”.
O ciclo encádrase nas liñas de colaboración institucional promovidas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que aposta pola música en galego como ferramenta de cohesión territorial e cultural, apoiando a programación musical tanto en festivais como en pequenas vilas e aldeas.
“Polavilas no paraíso” comezará o 13 de xullo en Samos (Campo da Festa, 19:00 h), continuará o 26 de xullo en Castroverde (Praza do Concello, 22:30 h) e culminará o 5 de outubro en San Miguel de Reinante, Barreiros (13:00 h), nunha xira que mestura natureza, identidade e emoción a través da música.