Xabier Díaz abrirá a programación da Festa do Ferro cun concerto o sábado 18

TerraChaXa | AMariñaXa
O músico coruñés visitou a forxa de Agustín de Faustino onde coñeceu os detalles do oficio e lembrou o seu paso polo concello e a contorna nos seus inicios na música
xabier-diaz-ferreiros-riotorto
10 Apr 2026

A música de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre porá son a Feira do Ferro de Riotorto cunha actuación o 18 de abril -ás 22.00 horas -, na véspera da Feira.

O concerto, impulsado pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, pretende ampliar a dimensión cultural e patrimonial da Feira e poñer en valor o traballo de montaxe previo ás demostracións e obradoiros dos ferreiros, que se desenvolve durante a tarde do sábado.

O músico coruñés visitou esta mañá a forxa de Agustín de Faustino, un dos ferreiros en activo, onde coñeceu os detalles deste oficio artesán e a súa tradición en Riotorto. Tamén compartiron lembranzas sobre informantes do concello que Xabier Díaz coñeceu durante as súas recollidas como Daniel e Eugenio Fernández - “os de Baltasar” ou sobre o tear de Elena Rodríguez, de Xudán (A Pontenova), que fixo as borlas dunha das súas primeiras gaitas.

A deputada Iria Castro sinalou que “os oficios e traballos tradicionais están detrás de gran parte das cantigas e da música tradicional da que se nutren Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, así que estamos convencidas de que o concerto é a mellor forma de recibir a Feira do Ferro” .

A actuación encádrase na programación que a área de Cultura organiza por toda a provincia en colaboración co tecido asociativo e cos concellos para fomentar a presenza da música tradicional e dos artistas e bandas de música en galego en festivais, festas e celebracións populares.

Ademais de reforzar a programación da Feira do Ferro con este concerto, a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación vén apoiando o traballo de documentación do oficio e da súa repercusión económica, social e cultural que a Asociación de Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto realizou nos últimos anos, catalogando e rexistrando ferramentas e técnicas propias e afondando na orixe da tradición do ferro en Riotorto nas chamadas “ferrerías de monte”.

0.12422394752502