Xa se poden solicitar as axudas para a rehabilitación de vivendas nos Aris de Ribadeo e Rinlo
Ábrese un prazo de 6 meses, que remata o 30 de setembro, para poder solicitar axudas para a rehabilitación de vivendas situadas nos Aris de Ribadeo e Rinlo.
En total a contía destinada asacende a 260.000 euros tras asinar un convenio entre o Ministerio de Transportes, o Instituto Galego da Vivenda e o Solo e o Concello de Ribadeo para levar a cabo obras de rehabilitación, que é a 14ª fase en Ribadeo, e no de Rinlo, é a 7ª fase.
Xa están publicadas as bases da convocatoria de concorrencia competitiva e ábrese un prazo para solicitar estas subvencións e a contía de subvención a percibir a fondo perdido no caso máis óptimo poderá chegar ata 24.000 euros.
Entre outros requisitos haberá que contar coa correspondente licenza municipal de obra e estas obras teñen que estar rematadas o 30 de abril do ano 2025, como moi tarde. Para os criterios de selección e para a valoración das solicitudes de subvención vanse ter en conta especialmente sempre que sexan melloras de condicións de habitabilidade e de accesibilidade das vivendas, tamén por razón socioeconómica e ademais aquelas outras obras de rehabilitación que sexan para medidas de aforro enerxético.