Xa hai gañadores do primeiro concurso Decora a Túa Fachada de Nadal de Mor, en Alfoz
Celebrouse a entrega de premios do primeiro concurso Decora a Túa Fachada de Nadal, unha iniciativa destinada a promover o espírito festivo e a dinamización do comercio local da nosa parroquia.
Este certame, organizado con gran ilusión, recoñeceu o esforzo, a creatividade e o entusiasmo de todos os participantes que contribuíron a encher Mor de luces, cor e ambiente de Nadal.
Os premios outorgados consistiron en vales para gastar no comercio local, como parte do compromiso coa economía da parroquia. Así, o primeiro premio valorado en 150 euuros foi para Samanta Filgueiras, polo seu deseño orixinal e cheo de detalles que capturou á perfección o espírito do Nadal.
O segundo premio de 100 euros foi para Yolanda Maseda, cunha decoración elegante e harmoniosa que destacou pola súa coidada presentación. E o terceiro de 50 euros levouno Juan Cortiñas, pola súa proposta creativa que encantou ao xurado.
Dende a organización, a Asociación Veciñal de Mor, sinalaron que "queremos expresar os nosos máis sinceros parabéns aos gañadores e agradecer a participación de todos os veciños que fixeron deste concurso un éxito rotundo. Grazas a eles, a parroquia luciu máis fermosa e acolledora durante estas festas."
Tamén quixeron facer un agradecemento especial "para o xurado, composto por Nazaret, Sonia e Montse, membros doutras asociacións veciñais, que dedicaron o seu tempo a valorar cada unha das propostas con dedicación e imparcialidade".