O Callo Fest encherá de rock San Cibrao
A terceira edición do Callo Fest encherá de música a vila de San Ciprián o venres, 27 de decembro.
O festival, que terá lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos e con entrada libre, foi presentado polo rexedor, Alfonso Villares, concelleiros, e por varios dos membros da Asociación Amigos Da Troula, organizadora do festival, coa colaboración do Concello de Cervo.
A cita vense celebrando o último venres do ano desde 2017 co fin de despedilo a ritmo de rock.
Os concertos comezarán ás 20:30 horas na carpa instalada na Praza dos Campos de San Ciprián e rematarán ben entrada a noite co reparto de callos de balde para todos os alí presentes.
O cartaz este ano está formado por Blow, unha banda que destaca pola súa versatilidade, pois fai versións de diferentes estilos, e conta con unha potente voz feminina; o grupo mariñán Joni Ramos & Sunday Morning Club que tocará temas propios e versións a ritmo de funk; os vigueses Stoned at Pompeii cunha traxectoria internacional e en festivais de gran calado como o Resurrection Fest; e os Green Hot Peppers, un dos mellores tributos a Red Hot Chili Peppers na actualidade. Ao remate dos concertos Eventec poñerá os mellores éxitos de rock, rock alternativo e punk rock.
Como cada ano, ás 0:00h farase un ensaio das badaladas de fin de ano para darlle a benvida ao 2020. Un invitado sorpresa de luxo conducirá a todos os presentes a un novo ano cun chisco de antelación.
Os organizadores recordan que haberá un posto de comida na carpa no que se poderán comprar porcións de pizza durante o evento. En caso de querer pizzas enteiras poderán reservarse a través do número de teléfono 638.025.026.
Tal e como apuntou Villares “o Callo Fest é un evento que suma dinamismo á oferta de actividades do Concello durante todo o ano e trátase xa dunha cita consolidada na comarca”. Para nós –engadiu- tamén é motivo de satisfacción ver a tanta xente nova do noso municipio involucrada na organización deste festival que medra ano tras ano”.
O concello de Cervo e a asociación Amigos da Troula convidan a veciños e visitantes a asistir ao festival o venres 27 de Decembro na Praza dos Campos de San Ciprián.