Vox Ribadeo alerta sobre o mal estado de varias obras municipais

AMariñaXa
Critican o estado do parque infantil da Capela de San Miguel e das escaleiras da fonte do Valín, sinalando posibles riscos para a seguridade cidadá
varanda-parque-infantil-capela-san-miguel-ribadeo
25 Feb 2025

A agrupación Vox Ribadeo vén de criticar a situación na que se atopa o parque infantil situado na contorna da Capela de San Miguel, cuxa obra tivo un custo de 40.000 euros e foi contratada mediante un contrato menor, un procedemento que permite a adxudicación directa. Segundo a denuncia do grupo, o parque presenta elementos inseguros para os nenos, como unha varanda incompleta que carece de varios barrotes, o que podería supoñer un risco de caída. "Se isto se pode considerar unha obra rematada, que veña Deus e o vexa", manifestaron.

Ademais, a formación tamén chamou a atención sobre o estado das escaleiras da fonte pública do Valín, un punto moi frecuentado pola veciñanza para a recollida de auga. Segundo denuncian, as deficiencias estruturais das escaleiras poden provocar caídas e accidentes graves, motivo polo que reclaman unha intervención urxente por parte do goberno local.

Vox Ribadeo cuestiona a falta de mantemento nestes espazos públicos e pon sobre a mesa se a práctica das adxudicacións directas podería encubrir posibles irregularidades, malia ser un procedemento legal. Desde a formación reclaman maior transparencia e unha xestión máis eficaz dos recursos municipais para garantir a seguridade e o benestar da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.15882396697998