Volve o programa Cervo a carón do voluntariado
O Concello de Cervo, a través da Delegación de Educación que dirixe Dolores García Caramés, vén de convocar o programa “Cervo a carón do voluntariado IV”, dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos.
O obxectivo xeral do proxecto de voluntariado xuvenil é poñer en práctica a implicación solidaria e o compromiso activo da comunidade moza coa sociedade a través do desenvolvemento cultural e social.
Ábrese a convocatoria para todos aqueles mozos e mozas que queiran participar como voluntarios/as nas diferentes actividades previstas durante todo o verán. As persoas interesadas poden recibir máis información no teléfono 691 65 66 00 e deben presentar a súa solicitude na Casa da Cultura de San Ciprián.
O proxecto de Acción Voluntaria abrangue desde este mesmo mes de maio (cando se desenvolverán diferentes actividades medioambientais) ata o 1 de Outubro, de xeito que cada voluntario ou voluntaria colaborará nas iniciativas propostas un máximo de 60 xornadas e 6 horas en cada unha.
A delegada de Educación, Dolores García Caramés, puxo en valor a importancia de dotar de ferramentas á xuventude que lle permita poñer en práctica valores tan importantes como a solidariedade e o compromiso coa sociedade.
Entre as actividades nas que as persoas inscritas desenvolverán o voluntariado están o apoio ás noites alternativas de verán –cunha importante aposta nesta ocasión polas disciplinas individuais a raíz do COVID-19-; o apoio no Programa Concilia –dirixido ás crianzas e que se desenvolve durante as vacacións de verán para favorecer a conciliación familiar-; ou o apoio no ciclo de cine -que terá lugar este verán, con sesións tanto no auditorio como ao aire libre-, “co que pretendemos fomentar así unha experiencia adaptada ás novas necesidades de prevención do COVID-19”.