Volve o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove IX

AMariñaXa
Volve o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove e que contará cun orzamento duns 503.987,00 euros
sendas burela xove cervo 2022
3 Out 2022

O rexedor de Cervo, Alfonso Villares,  inaugurou, acompañado polos seus homónimos de Xove e Burela, Demetrio Salgueiro e Alfredo Llano, respectivamente, o obradoiro de emprego “Sendas de Burela, Cervo e Xove IX”, que comeza hoxe, e que se prolongará, nesta ocasión durante 12 meses (ata o de agora eran 9 meses).

O Concello de Cervo é o que promove neste caso o taller compartido subvencionado pola Xunta de Galicia cunha aportación de 503.987,00 euros, no que se formarán un total de 20 persoas desempregadas en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (no caso de Cervo e Xove) e en operacións auxiliares de revestimento continuos en construción (no caso de Burela).

Villares destacou a importancia que ten neste caso a colaboración institucional que “nos permite impulsar, grazas á inversión da Xunta de Galicia, este tipo de programas que contribúen enormemente a mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación teórico-práctica de calidade da man de profesionais cualificados; os alumnos e alumnas, ademais de formarse e de realizar un traballo, grazas a estas actividades obterán un certificado de profesionalidade que lles permitirá ampliar as súas posibilidades no mercado laboral”, precisou.

Este tipo de cursos formativos –engade- “dotan aos participantes de ferramentas que lles permiten reforzar os seus coñecementos, e adquirir novas competencias nun oficio que ten proxección práctica na nosa zona e unha formación que pode impulsar tamén o emprendemento para poder iniciar os seus propios proxectos”.

O rexedor quixo destacar tamén o papel deste obradoiro á hora de contribuír a mellorar e acondicionar zonas verdes e diferentes espazos públicos municipais. 

0.20726990699768