Volve o Mercado dos Domingos a Ribadeo para impulsar os produtos locais

AMariñaXa
Do 29 de xuño ao 12 de outubro, a Praza de Abastos acollerá este mercado dominical con produtos da horta, obradoiros e concertos
Ribadeo-Mercado-dos-domingos-2025
26 Jun 2025

Ribadeo prepara unha nova edición do Mercado dos Domingos, que se desenvolverá desde o 29 de xuño ata o 12 de outubro na contorna da Praza de Abastos. Esta iniciativa, que cada verán recupera a esencia da economía de proximidade, ofrece a oportunidade de adquirir produtos frescos e de tempada cultivados na comarca.

Marta Saiz, concelleira de Comercio e Promoción Económica, destacou que este mercado busca poñer en valor os alimentos locais e fomentar o consumo responsable: “Cada tempada retomamos este mercado para que a xente poida mercar directamente da nosa horta, apoiando así a economía próxima”.

Pola súa banda, o alcalde Dani Vega subliñou a necesidade de impulsar o relevo xeracional no campo. “É fundamental que as administracións traballen xuntas para que os mozos vexan na agricultura unha forma de vida viable”, afirmou. Vega tamén resaltou o papel do Mercado dos Domingos como motor económico e comercial para Ribadeo, animando á veciñanza a participar e felicitando á asociación A Sucadoira pola súa dedicación.

Desde a organización, Ana Díaz, presidenta de A Sucadoira, e o secretario Breogán Ermida, agradeceron o respaldo da clientela dominical, que valora especialmente a proximidade dos produtos: “A resposta da xente é moi boa porque aprecia o sabor auténtico e a calidade”, sinalou Díaz. Ermida engadiu que o mercado é tamén un punto de encontro con actividades culturais e gastronómicas, como concertos, obradoiros de cociña e propostas de aproveitamento de alimentos.

O Mercado dos Domingos abrirá as súas portas todos os domingos, de 9 a 14 horas, durante este período estival, consolidándose como unha cita habitual para fomentar o consumo de produtos de tempada e apoiar o sector agrícola local.

⚙ Configurar cookies
0.17229509353638