Volve o Mercado de Rúa a Ribadeo
Volve unha nova edición do Mercado de Rúa de Ribadeo que se celebrará os días 27, 28 e 29 de agosto. A asociación de comerciantes ribadense sacará os produtos á rúa con grandes descontos a última fin de semana de agosto. Con esta iniciativa pretende animar as compras na despedida do verán e a piques de dar comezo o novo curso escolar.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinala que “este ano quixemos recuperar esta actividade que adoita ser moi demandada polos comercios e moi ben recibida polos clientes. Trátase de sacar os produtos á rúa, facéndoos máis atractivos e accesibles para o comprador, ademais de aproveitar deste xeito a última fin de semana de rebaixas. Neste momento hai preto de vinte establecementos participantes, número que seguro que aumentará a fin de semana. Cabe destacar que aínda que non todos saquen os seus artigos á rúa practicamente todos seguen de rebaixas e é unha oportunidade única para que veciños e visitantes aproveiten os grandes descontos do comercio de Ribadeo”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, explica que “como di o presidente son case vinte establecementos os que de momento comunicaron que sacarán os seus produtos á rúa, pero ao longo da semana iranse anotando máis. Ata o de agora confirmaron que participan na campaña: A Moda Nova, Julia Moda Infantil, Pratería Gutié, Opticalia, Xoiería Acibeche, Anais, Pequerrechos, R23, For Friends, A Coqueta, Naná, Ginzo Home Muller, Adele, Deportes Docobo, Saia, Glass, Farfala Kids e Mika. Todos estes establecementos sacarán á rúa os seus artigos de forma que o cliente poida velos con maior facilidade. A estes hai que sumar os máis de 90 comercios asociados a Acisa, que están a liquidar stock ou facendo descontos e ofertas especiais con motivo do fin das rebaixas de verán”.
Francisco Iriarte comenta que “sen dúbida esta fin de semana, veciños e visitantes teñen unha cita con Ribadeo. Creo que non hai mellor plan que vir, dar un paseo polas nosas rúas, ver os descontos e promocións do comercio, facer as últimas compras do verán e de paso gozar das nosas terrazas, tomando algo ao mediodía e quedándose a comer e a cear para degustar a nosa marabillosa gastronomía”.